Wednesday 24 de April de 2024

O Teatro Colón rexistrou case 70.000 espectadores na temporada 2022


Unha media de máis de 500 persoas asistiron aos 133 espectáculos do ano pasado, consolidando o Colón como referencia galega pola variedade e calidade da súa programación

O Teatro Colón tivo o pasado ano un total de 68.952 espectadores nos 133 espectáculos programados. O Concello da Coruña, a través da súa área de Cultura, vén de facer balance da temporada pasada, na que o teatro se consolidou como un espazo de variedades de referencia na cidade e en Galicia.

“O éxito do Teatro Colón enténdese grazas á súa combinación de todas as expresións artísticas, como a música, o humor ou o cinema”, sinala a alcaldesa, Inés Rey. O ano pasado a programación recuperou a normalidade tras a pandemia, pasando de 92 espectáculos no 2021 a 133, dos cales 34 foron organizados pola Deputación da Coruña, en virtude do convenio asinado co Concello para a xestión do recinto. Segundo estas cifras, a media de espectadores superou as 500 persoas por sesión.

O Goberno de Inés Rey plasmou no Teatro Colón a súa política cultural, ofrecendo á cidadanía unha oferta variada e baseada nos principais ciclos anuais de referencia en diferentes eidos. Foi o caso do EMHU, Corufest, Semana do Cinema Galego, Arredor da Lingua, Sección Noroeste ou os concertos da Banda Municipal de Música da Coruña.

Ademais, o Teatro Colón tivo un papel importante na celebración do Ano internacional María Casares. “Este é un recinto de referencia non só para os coruñeses e as coruñesas, senón para moitos artistas que o escollen para presentar os seus traballos”, sinala Inés Rey. Este foi o caso de Rozalén, que seleccionou cinco teatros españois para presentar en exclusiva a súa última produción discográfica, entre eles o Teatro Colón.

Ademais da grande afluencia presencial, o Teatro Colón acadou case 10.000 espectadores que seguiron en directo a través de Internet os 35 espectáculos programados retransmitidos. Ademais, na liña de contribuír á sostenibilidade, deixáronse de editar en formato físico os programas do teatro e reforzouse a información presente en liña a través da páxina web do recinto e das súas redes sociais oficiais. En canto ao mantemento, no exercicio 2022 se levaron a cabo numerosos traballos para mellorar as instalacións e
optimizar os seus recursos, destacando o cambio de iluminación a unha tipo led e a adquisición dun novo proxector láser de última xeración que permite ofrecer a máxima calidade para toda a programación audiovisual.